Proxectos Innovación 2014/15

Durante este curso traballamos en 6 Plans Proxecta e 3 Contratos-Programa:

1. Proxecta Coopera

O programa “Cooperación galega: O mundo que queremos” xorde da coordinación entre a Consellería e as ONGD galegas coa finalidade de impulsar a Educación para o Desenvolvemento. Traballa nos contidos coñecidos como “Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio”: igualdade de oportunidades, defensa do medio ambiente, cobertura de necesidades básicas ou o respecto dos dereitos humanos.

Desde o noso insti intentouse fomentar a participación da comunidade educativa nun proxecto encamiñado a incidir nas causas que perpetúan a pobreza no mundo. Involucráronse nel 120 alumn@s de 1º da ESO e os titores (Cuqui, Xabi, Teresa, Olga e Ángeles, a coordinadora);  ó seu abeiro realizáronse obradoiros de fotografía, recollidas de alimentos e roupa, saídas extraescolares para ir a teatros, etc… na festa de despedida do proxecto celebrouse un encontro con outros 8 centros de Galiza: fumos un total de 600 persoas. Alí espuxéronse os traballos e rematamos cun concerto de rap: unha fabulosa experiencia, que nos deixa este slogan: construír un mundo mellor é cousa de todos nós. Tedes aquí máis fotos, e un vídeo resumo do proxecto:

2. Proxecta TÍCaras

O programa “Rapazas emprendedoras nas TIC” ten como obxectivo fomentar o emprendemento das rapazas de secundaria a través das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC). O programa está relacionado con varias iniciativas a nivel europeo como a ICT Go Girls, con quen mantivemos un chat. A coordinadora foi Ana Moreiras e as participantes un grupo de estupendas rapazas de 2º da ESO.

O apalpador

apalpador2

As nosas TÍCaras emprenderon diversos proxectos TIC: crearon un blog do proxecto e o Twitter da Cachada, traballaron nun guión de radio, lanzaron campañas como o KenéKen ou o #ApalpaCachada…

Tamén traballamos algo de edición de vídeo, como podedes ver no noso Vídeoclip TIC!

3. Proxecta Reduciclando

Recíclate con Sogama” é un programa de educación ambiental a través do cal se pretende promover a participación e implicación da comunidade educativa na correcta separación dos residuos xerados nos centros escolares, introducindo cada fracción no contedor correspondente. O fin último desta iniciativa é que o alumnado, ademais de participar no sistema de recollida selectiva do centro, instaure na súa vida cotiá, e na das súas familias, a separación do lixo como un hábito máis co que contribuír ó incremento das taxas de reciclaxe en Galicia e, polo tanto, ós seus beneficios ambientais (aforro de enerxía e materias primas) e económicos (diminución dos custos para os concellos).

No insti praiatraballamos arreo neste tema, tanto desde as aulas de Ciencias (Manuela, Agustín e Isabel), como desde as de Tecno (Ana e, sobre todo, Flor, a coordinadora): o alumnado de 4º PDC fixo recollida e selección de lixo na veciña praia Barraña, e fumos a Cerceda ver as instalacións de SOGAMA; construíronse depósitos de separación de residuos, recicláronse materiais para elaborar contedores, mesas de equipos audiovisuais, elementos de atrezzo para o teatro, pezas dun xadrez xigante…

Temos unha estupenda páxina onde podedes mirar todo o que se fixo e atopar imaxes

4. Proxecta Correspondentes Xuvenís

Correspondentes xuvenís 3.0 pretende contar cunha “antena informativa” en cada centro seleccionado, na que se responsabilice o alumnado de recoller a información en materia de xuventude que se lles envíe desde a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado e de difundila entre o resto do alumnado do centro, contando co apoio do persoal do centro coordinador de información xuvenil e co profesorado participante no programa (Berta e Andrea).

5. Proxecta Meteoescolas

O programa Meteoescolas pretende formar unha comunidade global de profesorado, alumnado e científicos que traballen na tarefa común de coñecer mellor o clima galego coa axuda dun equipamento básico (termómetro de máxima/mínima e pluviómetro). Coa supervisión do profesorado (Maica, Mónica, Manola e Pilar), o alumnado tomou os datos de precipitación e temperaturas máxima e mínima na nosa Meteoestación.

IMG_20150612_105452

Unha vez introducidos na web de MeteoGalicia, os datos permiten obter unha serie de estatísticas como a temperatura máxima media de cada mes, a precipitación acumulada, etc., o que serviu para a creación de climogramas e para comparar estes datos con outras MeteoEscolas e estacións meteorolóxicas de MeteoGalicia. Durante 14 días, ademais, estivo no noso centro a exposición itinerante de Meteogalicia.

6. Proxecta Donas de si

O programa “Donas de si” ten como obxectivo principal a visibilización e posta en valor da participación e produción das mulleres como pezas fundamentais na configuración e no desenvolvemento da sociedade galega contemporánea, de xeito que se recoñeza o seu papel político, social, artístico e cultural e se supere a visión tradicional que presenta as súas achegas como puramente anecdóticas e/ou secundarias.

Desde as aulas de Galego traballouse en 3 actividades:

      • creación dun xornal do s. XIX con noticias sobre mulleres que tiveron especial relevancia nesta época

    • traballo audiovisual sobre aquelas mulleres que tiveron que botar man de pseudónimos e outras estratexias para poderen manifestar as súas ideas, compartir os seus soños e/ou deixarnos o importante legado das súas obras

  • realización dunha docuficción sobre o mundo das augadoras como representantes daquelas mulleres anónimas que co seu traballo e a súa conciencia fixeron posible unha mellora na condición laboral e persoal deste colectivo


 

Os 3 Contratos-Programa nos que participamos foron:

  • Espazo Familia
  • Matemáticas
  • Club do Antifás: o noso obradoiro creativo-social, que este ano versou sobre a xestión cultural. Ó seu abrigo creamos diversas instalacións artísticas que van expoñerse no Encontro de Embarcacións Tradicionais de Cabo de Cruz (9 a 12 de xullo de 2014)