Cachatronic – Tecnoloxía

Nesta páxina atoparedes un resumo das actividades realizadas polo departamento de tecnoloxía. Podedes ver máis no Cachatronic e tamén ler interesantes artigos sobre reciclaxe, medioambiente, enerxías, novas tecnoloxías, etc.


Curso 2015/16

Comezamos o curso traballando nun proxecto solidario: “O refuxio da Fraga“. Tratouse dunha instalación composta de “árbores de nadal” feitos a partir de materiais reciclados (madeiras e metais). Cada grupo de 2º escolleu un país con conflitos económicos ou sociais e fixo unha árbore representándoo. Desde as aulas de Cidadanía traballouse o tema dos refuxiados, e desde as de Relixión o da solidariedade. A instalación inaugurouse o día 10 de decembro, e contamos coa presencia de Muhammed, arqueólogo sirio que nos contou como vive a guerra desde España e como a vive a súa familia, maiormente refuxiada en Alemania e Suecia.

 

 


Curso 2014/15

Un curso máis, os talleres ferveron de actividades, e tamén houbo momentos para saídas extraescolares. Aí vai un pequeno resumo, con fotos en cada link!

Nas aulas de 2º traballamos moito a madeira: fixemos un panel para exposicións (que inauguramos o Día da Muller Traballadora coa instalación “Mulleres da Terra do Sacho“) e, no proxecto de colaboración co Encontro de Embarcacións Tradicionais, fabricamos unhas maquetas da gamela tradicional de Cabo de Cruz. Aproveitamos a ocasión para visitar os Asteleiros Triñanes no Chazo (Cabo de Cruz): un dos poucos asteleiros de ribeira que quedan en Galicia.

En 3º centrámonos na reciclaxe de materiais, polo que fumos a Cerceda ver as instalacións de SOGAMA e fixemos varias incursións á veciña praia Barraña para recoller e clasificar lixo. No taller, fabricamos divertidas lámparas con láminas feitas polo alumnado e reciclamos mobles. Dentro da unidade sobre xestión empresarial, un grupo visitou as granxas ecolóxicas de Xanceda, aquí tedes un vídeo.

Os de 4º estivemos facendo prácticas de electrónica e comunicación (fotos da exposición de proxectos), e durante xaneiro traballamos a programación (videoxogo Apalpador Claus) e a robótica. Gañamos o Concurso de Igaciencia, un ano máis (ver fotos)!; e xa acabando o curso, puxémonos con experimentos máis divertidos: placas de Arduino con sensores, pizarras interactivas… Fixemos 2 visitas: á factoría de Citröen en Vigo, e a Cesga-TVG-CIMUS en Compostela.

No marco de colaboración con outros departamentos un pequeno grupo traballou con Xabi Bao na montaxe de drones; xunto ó Equipo de Biblioteca, organizamos unha charla sobre videoxogos educativos (gamificación).


 

Curso 2013/14

 

En febreiro fumos a Coruña ver as instalacións audiovisuais de Voz TV, a escola de Artes e Oficios Pablo Picasso, e a participar no 4º concurso de robótica de Igaciencia. Neste concurso un grupo de alumnas de 4º A (Celia, Sarai, Carla e Rebeca), gañaron o segundo premio. Parabéns!!

Estas son as fotos da visita:

Para colaborar no Comenius, estamos elaborando diferentes proxectos:

    • Desde a materia de Informática estudamos a diferentes enxeñeiros españois e elaboramos presentacións coa ferramenta prezi sobre persoeiros da nosa ciencia e da cultura.
    • En 2º estamos a traballar na maqueta dun gran autoxiro, invento do enxeñeiro Juan de la Cierva. Alén Pérez montou un vídeo cunha pequena proba no insti: autoxiros de papel.

Finalmente, en 3º estivemos traballando nun proxecto de cooperativas moi interesante no que os diferentes grupos realizaron cadansúa proposta empresarial, con marketing e documentación técnica incluída. Podedes botar un vistazo a algunha das webs que elaboraron, como O Corte Jallejo ou Tarchapis, por exemplo. Todas as webs e todos os produtos están aloxados na páxina Cachatronic Coop.