Cóntanolo así de ben Alejandro de 2ºB: volve o STARgal!

O pasado 16 de maio do 2016 celebrouse no IES A Cachada o Stargal, un “concurso” que se celebra con motivo da conmemoración das letras galegas. Como ben sabedes, este deixou unha grande pegada na historia do centro. Segundo as nosas fontes de información descubrimos que dentro de dúas semanas, coincidindo co 16 de maio, volverá a celebrarse este concurso. Isto foi posíbel grazas aos esforzos por parte de alumnos e profesores, que fixeron todo o que estaba nas súas mans para que isto sucedera. Este ano tense como obxectivo defender o éxito gañado o ano pasado. O grupo de extraescolares do instituto contounos as novidades que haberá este ano. O concurso vai contar con varios xogos creados polos alumnos coa axuda dos profesores, entre eles Ana Moreiras e Javier Bao. Nesta celebración implicáronse diversos departamentos como son os de Tecnoloxías, Matemáticas e Lingua Galega, á parte do grupo de extraescolares.
Entre estes xogos vai haber varios videoxogos, de dous niveis: primaria e primeiro da ESO e segundo, terceiro e cuarto da ESO; tutoriais, videopoemas, contacontos e booktráilers; un circuíto polo que temos que levar a un robot para chegar ao seu destino; e moitos máis. Ademais, este día, completarase cunha obra de teatro interpretada polo grupo de teatro do centro e pola tarde, magos, ilusionistas e monologuistas visitarán o centro para deleitar aos alumnos co seu talento.
Desde os departamentos de Lingua Galega e Tecnoloxías informáronnos de que moitas das creacións feitas para este día, como son os tutoriais participarán nun concurso a nivel galego cun premio de mil euros que, en caso de ser conseguido, será destinado para o Cachatrip.

Visita tecnolóxica á Coruña

A saída a Coruña co alumnado de 3º deste ano foi moi produtiva, e agardamos que se espertaran vocacións profesionais con ela!

Na Facultade de Camiños vimos os diferentes laboratorios de ensaio, onde se fan probas e maquetas para logo construír diques, portos, pontes… Desde hai un ano a Facultade conta co túnel de vento máis potente de España, e aínda que nós o pillamos co sistema informático danado puidemos facernos unha idea da magnitude do ensaio.

Pola tarde fixemos unha breve pero ilustrativa e divertida visita ó Bricolabs, un laboratorio de fedelleir@s sito na Domus na que alucinamos coa de pequenos inventos que todos e todas podemos facer nas nosas propias casas a un coste ben baixo.

CONCURSO LITERARIO “MÁIS CA PALABRAS 2017”

 Un ano máis, o departamento de Lingua Galega e Literatura pón en marcha o concurso literario “Máis ca palabras” co gallo de impulsar, non só a creación de textos literarios, senón tamén calquera manifestación estética e artística relacionada con eles. É por este motivo polo que decidimos nomealo así; xa que coas vosas creacións, ademais de ler e escoitar palabras,  tamén gozaremos coas imaxes, acenos, metáforas e un sen fin de recursos que sairán da vosa imaxinación.

Neste curso 2016/2017 hai tres modalidades ás que vos podedes presentar:

a) contacontos

b) booktrailers

c) videopoemas

Velaquí vos deixamos as bases. Así que… animádevos a participar!!

Memoires croisées · 1617 · Memorias cruzadas

Un curso máis (e xa van catro!) levamos a cabo un proxecto intercentros, un intercambio lingüístico con moita trasversalidade -a memoria histórica-. Alumnas e alumnos de francés de 3º ESO traballan a reo durante o curso para acoller aos seus correspondentes de Ailly-le-Haut-Clocher, en Picardía (Francia).
Grupo boirenseGrupo francés

Eles virán a Boiro, durante unha semana, a fináis de xaneiro; nós viaxaremos a Ailly no mes de marzo.

Durante ese tempo conviviremos, compartiremos lingua e cultura, hábitos e familia. Ademais, amosaremos o traballo feito arredor da nosa historia (Guerra Civil, dictadura, transición, memoria histórica…) e achegarémonos ao feito polo grupo francés sobre a súa (I e II Guerra Mundial). Terémosvos ao tanto do progreso!

“Le Petit Prince”, unha desfeita!

Alumnado de francés antes de entrar no teatro.

Alumnado de francés antes de entrar no teatro.

Pois aí estabamos, a piques de entrar a ver a respresentación do “Petit Prince” (O principiño). Levabamos case un mes traballando sobre o autor, a obra, a peli de animación que fixeron hai pouco… e por fin, iamos ver a versión teatral. A compañía chámase Voilà! e é un espectáculo xestionado por Eina d’Escola, unha empresa catalana que promove teatro para escolares.

A obra foi un calamidade: interpretación dos actores desastrosa, que nin sabían o seu papel, execución técnica catastrófica (case sen ilumnación, microfonía, volume excesivo, erros nas entradas da música…) e posta en escea moi cuestionable e nada fiel ao conto de Saint-Exupéry. Moi decepcionante.
Saímos coa sensación de termos sido estafados. Agora estamos a falalo en clase, facendo a nosa terapia de grupo: debemos aprender a diferenciar o teatro, o bo, de insultos escénicos coma este e, antes ca todo, non perder a gana de ver e facer teatro.

Gran éxito dos recreos arrepiantes!

Un ano máis celebráronse os Recreos Arrepiantes no noso instituto e este ano tiveron unha gran afluencia de público. Sería porque desta vez había lambetadas para ir rillando mentres pasabamos un pouco de medo coas historias e curtas que fixeron os nosos compañeiros?

Os curtametraxes en galego de 1ºD tiveron a honra de empezar a semana. Durante a súa proxección puidemos entrar no mundo dos soños e de soños que resultaron ser reais, unha quedada de amigos que acabou con sangue e a tráxica historia dunhas irmás que agora buscan vinganza no noso mundo. Os nosos novos alumnos e alumnas fixérono estupendamente para ser a súa primeira vez!

O segundo día, puxémonos a escoitar unha historia de terror con imaxes e audio preparada e lida por uns rapaces voluntarios de 3ºC; na que nos relataron a inquietante historia dun home ao que unha man lle controlaba todas as súas accións.

Chegamos ao penúltimo día co noso alumnado máis veterano, que leu unha historia arrepiante en inglés, na que se relataba o que viviu unha nena cando quedou soa na casa. Sucesos que, definitivamente, póñennos os pelos de punta con só pensalo.

Abriron a semana e encargáronse de pechala outra vez os máis pequenos. Pero esta vez, non nos ensinaron ningún vídeo, senón que nos contaron historias de pequenos monstros agochados na nosa casa, pantasmas que atormentaban ao seu asasino, un poema que nos fixo reflexionar sobre estar moito tempo na cama e, como non, tampouco puideron faltar  os horribles pallasos nas festas de aniversarios.

Foi unha semana chea de terror e misterio, co magosto polo medio. E foi unha gran ledicia ver canta xente se achegou á biblioteca  nos recreos!

Miriam Vilarnovo

Velaquí vos deixamos algunhas fotos.

O MAGOSTO, QUE BEN O PASAMOS!

Como todos e todas sabedes, o pasado martes, 8 de novembro, celebramos o tradicional magosto no noso instituto. Un ano máis, o Equipo de Dinamización da Lingua Galega deseñou unha serie de actividades lúdicas nas que participaron tanto alumnado como profesorado. Puidemos tirar da corda, xogamos á billarda, ao pano, ás carreiras de sacos… Os máis ousados atrevéronse cos zancos e, por suposto, houbo quen se marcou un baile grazas ao magnífico dj que se encargou da música. Queremos aproveitar a ocasión para agradecer a vosa participación e colaboración; moi especialmente ao equipo de alumnos que dirixiu os xogos tradicionais, ao de maquillaxe terrorífica, ás mozas de prensa (Paula e Rebeca). Tamén aos asadores de castañas (Eduardo e Richar), que ademais nos deleitaron cunha demostración de baile; ao equipo directivo que non parou de encher cucuruchos de castañas e tamén ao de limpeza que quedou despois a recoller todo. Cremos que malia que o tempo non axudou moito, o magosto foi todo un éxito. Aquí vos deixamos algunhas imaxes que o demostran.