Gran éxito dos recreos arrepiantes!

Un ano máis celebráronse os Recreos Arrepiantes no noso instituto e este ano tiveron unha gran afluencia de público. Sería porque desta vez había lambetadas para ir rillando mentres pasabamos un pouco de medo coas historias e curtas que fixeron os nosos compañeiros?

Os curtametraxes en galego de 1ºD tiveron a honra de empezar a semana. Durante a súa proxección puidemos entrar no mundo dos soños e de soños que resultaron ser reais, unha quedada de amigos que acabou con sangue e a tráxica historia dunhas irmás que agora buscan vinganza no noso mundo. Os nosos novos alumnos e alumnas fixérono estupendamente para ser a súa primeira vez!

O segundo día, puxémonos a escoitar unha historia de terror con imaxes e audio preparada e lida por uns rapaces voluntarios de 3ºC; na que nos relataron a inquietante historia dun home ao que unha man lle controlaba todas as súas accións.

Chegamos ao penúltimo día co noso alumnado máis veterano, que leu unha historia arrepiante en inglés, na que se relataba o que viviu unha nena cando quedou soa na casa. Sucesos que, definitivamente, póñennos os pelos de punta con só pensalo.

Abriron a semana e encargáronse de pechala outra vez os máis pequenos. Pero esta vez, non nos ensinaron ningún vídeo, senón que nos contaron historias de pequenos monstros agochados na nosa casa, pantasmas que atormentaban ao seu asasino, un poema que nos fixo reflexionar sobre estar moito tempo na cama e, como non, tampouco puideron faltar  os horribles pallasos nas festas de aniversarios.

Foi unha semana chea de terror e misterio, co magosto polo medio. E foi unha gran ledicia ver canta xente se achegou á biblioteca  nos recreos!

Miriam Vilarnovo

Velaquí vos deixamos algunhas fotos.